Chan da Embarrada
Os segredos megalíticos de Ferreira
Os recentes traballos do investigador local Antonio Castro Mallo e do Instituto de Estudos Bergantiñáns, así como a labor divulgativa da histórica entidade en colaboración co Concello de Coristanco, veñen de sacar á luz un dos segredos mellor gardados da parroquia de Ferreira e do propio territorio de Bergantiños.
O achado dun novo dolmen no monte do Chan da Embarrada, enmarcado nun área intensamente poboada de vestixios megalíticos, pon de manifesto a importancia da parroquia neste eido patrimonial.
Ademais disto, a pequena área coristanquesa conta con recunchos como o Cotón de Ferreira, con vestixios castrexos que se estenderon ao longo da historia ata ser ubicación da igrexa parroquial ata primeiros de S.XX. A propia aldea de Figueiras, por onde pasaba a antiga vía de comunicación da Coruña a Fisterra, alberga hoxe un conxunto de muíños de extraordinaria beleza. Dous deles mantéñense hoxe como dos poucos en funcionamento de toda a comarca.