Promotor

Jose Manuel Menendez
Ola.

Eu son Jose Manuel Menéndez. Tiven a sorte de nacer en Los Barreros, Llaviana (Asturies), no paraíso do Alto Nalón asturiano. Aínda que me atopo a diario navegando a miña mente nos “fayeos” do Parque Natural de Redes (aos que recurro na procura dunha plena forza mental), levo moitos anos desfrutando da terra de Pondal dende o meu lugar de acollida. Aquí en Bergantiños, a cabalo entre Carballo e Coristanco, establecín o meu cuartel xeral dende fai anos, e esta terra farturenta foi quen de envolverme dende os 16 anos, cando na bici percorría a comarca coa finalidade de debuxar o patrimonio. Un tempo despois intentei unilo a través de sendas e camiños antigos e fíxeno a través dos deseños de rutas que realizabamos nunha entidade que ocupa un lugar moi grande na miña vida: a Asociación Ambiental Senda Nova, da que son presidente.

Dende este escenario tiven a oportunidade de traballar en actividades no medio, de volcarme no activismo en asociacións e plataformas veciñais, e de compartir grandes películas cos máis grandes actores do patrimonio. Xente con amplos coñecementos e cuns valores sociais inigualables.

O posto de traballador municipal da área de cultura de Carballo (no centro de Bergantiños), permitiume ademais coñecer un movemento asociativo co que tamén me acheguei en Senda Nova. As loitas contra as desfeitas proxectadas en Corcoesto, nos Penedos, na Férveda de Entrecruces, en Touriñan ou en Caliao (Asturies), foron o mellor aprendizaxe nos movementos sociais.

Algún ano na Cruz Vermella e máis de dúas décadas como voluntario en Protección Civil de Carballo serviron sobre todo nesa formación como persoa na que aínda sigo. Tamén me servíu para avanzar nos coñecementos en primeiros auxilios e noutras facetas como a búsqueda de persoas desaparecidas, comunicacións...

Tiven a sorte de poder ter tempo para a formación nas miñas paixóns e de poder acadar a titulación de Técnico Deportivo en Media Montaña, ou a de Técnico Auxiliar Forestal. Tamén de realizar formacións diversas. As que máis me motivaron foron todas aquelas relacionadas coa interpretación do patrimonio e todas cantas tiñan que ver coa ecoloxía.

Todo este periplo de décadas faime ver todo o que teño e tamén de todo o que carezo. Sen dúbida que a maior formación naceu nos valores familiares dos que estou tan orgulloso e que naceron no ano 1975 nunha barriada mineira entre as montañas de castiñeiros e os picos espidos de Peñamayor, Peña Mea e o Retriñón.

Estaría encantado de espallar o aprendizaxe coa que estas dúas terras me agasallaron durante todas estas décadas de corredoiras, camiños, conversas. De bosques, de mar, de muíños, de “camperes”, de picos e de “fayeos”. Agradaríame seguilas compartindo contigo.

CONTACTO