Filosofía

Entendemos que debemos demostrar que a interpretación do patrimonio e a posta en valor do mesmo en actividades no medio natural, pode ser un nicho económico que sirva para fixar poboación neste noso rural do que nos resistimos a saír. Dende Vía Inqueda estamos decididos a apostar por isto, e pensamos que pode servir ademais para coñecer mellor e por tanto preservar esa rica rede patrimonial coa que convivimos e coa que temos unha OBRIGA MORAL para trasladarlla ás xeracións vindeiras.

Sabemos tamén do patrimonio social do noso rural. A dinamización do mesmo depende de pequenas institucións e entidades veciñais que seguen a dar servizo á veciñanza e reavivar acotío unha terra rica nos sectores primarios. A nosa labor transversal, dende a mesma filosofía do ecoturismo, debe de ser quen de organizar proxectos transversais onde teña cabida a posta en valor deses traballos, como un patrimonio máis a interpretar. Tamén as institucións que, aínda privadas como pequenas tabernas e ultramariños, seguen a dar vida e servicio nas parroquias rurais. As actividades deben de poñer o graíño de area a prol das mesmas.