Ríos de Sofán
Unha parroquia, 62 lugares
Sofán, unha das parroquias con máis lugares de Galicia, vertébrase a través dos ríos Bardoso e Carral. Dúas arterias cheas de vida e patrimonio etnográfico formado por muíños e curtidoiros que aproveitaron a forza da auga nunha xeografía accidentada, para engrasar a maquinaria da vida na parroquia.
Varios castros sitúanse na extensa parroquia carballesa. O de Guntián con lendas inscritas nunha memoria que chega á actualidade. Corredoiras con encanto e patrimonio relixioso a través da igrexa parroquial de San Salvador son só algúns dos encantos dun territorio que posúe recunchos esquecidos como a cova de Covas.