Rumbo á Historia
O inverno ofrécenos as visións diferentes que necesitamos.
Pisar a lama das corredoiras ou incluso escachar a xeada baixo os pes naqueles recunchos esquecidos polo sol.
RUMBO Á HISTORIA é unha aposta decidida por aportar en cada destino diferente que se propón. Propostas novas para o aprendizaxe en grupo. Grupos pequenos con rumbo decidido ao sendeirismo consciente polos lugares máis pequenos, polas aldeas con encanto.
Os itinerarios complétanse por Bergantiños e Val do Dubra nunha media ducia de rutas que percorren paisaxe e que buscan con esmero a cada vez máis difícil tarefa de escapar da zahorra, o formigón e o asfalto.
Pontes, canles fluviais, pazos, mámoas, castros, emprazamentos de campamentos romanos... son algúns dos vestixios que se repetirán ao longo das retortas da corredoira. Enmarcados na paisaxe atlántica húmida que nos debuxa ringleiras de muíños e outros aproveitamentos hidráulicos como batáns, curtidoiros ou mesmo minicentrais. As propostas son circulares e os itinerarios deseñados para unir todos eses puntos de interese cultural, natural e paisaxístico, que será resumido en cada parada para a interpretación e lembrado no material gráfico que se repartirá no comezo de cada andaina.
RUMBO Á HISTORIA propón rutas sinxelas aptas para todos os públicos, co aliciente que nos dan as antigas vías de comunicación e as beiras das canles fluviais, onde ás veces é necesaria certa dose de aventura. É a historia cultural e a historia natural.